Sunday 19 de May de 2024

As festas de María Pita chegan ao seu ecuador coa actución de Xabier Díaz


O coruñés é un dos artistas de música galega de maior prestixio e presentará o seu repertorio xunto ás Adufeiras da Salitre

As festas de María Pita chegan este martes ao seu ecuador coa actuación de Xabier Díaz e Adufeiras da Salitre nas Noites de María Pita. O coruñés é un dos artistas de música tradicional galega de maior prestixio na actualidade e presentarase no escenario da praza cunha formación de dez cantoras e percusionistas.

Xabier Díaz conta cunha dilatada carreira ás súas costas. Antes de comezar o seu proxecto individual e con Adufeiras da Salitre, formou parte de agrupacións como Xacarandaina, Rumbadeira, Nova Galega de Danza ou Berrogüeto. Ao longo dos anos, realizou moitas colaboracións en discos e concertos de diferentes artistas: Carmen París, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera, Guadi Galego e Os Cempés, entre outros/as. Ademais, emprendeu numerosas viaxes para levar a súa música a México, Cimbabue, Alemaña, Uruguai, Italia, Perú, Dinamarca, Francia, Suíza, Arxentina, Noruega, Bélxica, Cuba, Escocia, Irlanda…

Xunto a Adufeiras da Salitre, no ano 2015 editou ‘The tambourine man’, o seu primeiro traballo conxunto, co que gañou diferentes premios. No 2018 editaron ‘Noró, algunhas músicas do Norte’ e no 2020 chegou o terceiro e máis recente disco da formación: ‘As Catedrais silenciadas’.

Con Xabier Díaz e Adufeiras da Salitre o Goberno de Inés Rey aposta decididamente por facer da música de raíz e da tradición un dos eixes da programación das Festas de María Pita. Este 2023 ampliouse a programación da Romaría de Santa Margarida, que se celebrará os días 25, 26 e 27 de agosto. Ademais, este pasado domingo rematou o Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña, superando as cen agrupacións nos seus 36 anos de historia.

Tras Xabier Díaz e Adufeiras da Salitre, as Noites de María Pita chegarán á súa fin con dúas últimas actuacións. A primeira delas será este mércores, 16 de agosto, a partir das 22.00 horas co concerto de Umberto Tozzi. A derradeira actuación será o domingo 20 de agosto, a partir das 22.00 horas, co espectáculo ‘Mangüi sempre en nós’.